[O que nós sentimos] (in Galician)
O que nós sentimos
está para alén das árbores.
Nin a música nos salva nin a terra nos condena.
Non hai estrela que o escoite
nin fábula que o transmita.
Ningunha imaxe nos traduce.
Somos o coro sen a traxedia.
Somos a vida sen a morte. Non somos a morte.
Cando o sol sexa un círculo de lume.
Cando da nosa roupa non se desprendan fíos,
migas do noso prato, suor do noso esforzo.
Cando o universo comprenda
que conseguiremos detelo
como unha detonación suspende o aire.
Cando a nosa sombra se estenda sobre a terra
igual que un tranvía de chuvia no deserto.
Pertencemos ao mundo
como as dúas pezas que fan unha tesoura.
Pertencemos ao tempo
como unha ovella á man que a corta
até deixala espida.
Non somos a forza bruta nin as raíces.
Non somos nin a toupa nin o cóndor.
Somos o desamor, pero somos o sexo.
Somos a fame, pero somos o pan.
Non temos voz para que nola deades.
Non temos corpo para que o abracedes.
Ninguén rompeu os nosos soños
porque nunca soñamos.
Ninguén pisou a nosa vida
porque nunca tivemos chan.
Chamádeslle violencia á nosa paixón pola verdade.
Non hai ferida sen sangue, nin tempo sen historia.
Pero nós non batemos
na porta do mundo para entrar.
Nós batemos na porta do mundo
para que non durma.
María do Cebreiro
“O que nós sentimos” fue publicado en Os inocentes [The Innocents] (Editorial Galaxia, 2014).
Se puede leer y escuchar el poema traducido al inglés aquí.