Yolanda Castano

Mazás Do Xardín De Tolstoi (in Galician)

 

 

Eu,

que bordeei en automóbil as beiras do Neretva,

que rebañei en bicicleta as rúas húmidas de Copenhague.

Eu que medín cos meus brazos os buratos de Saraxevo,

que atravesei ao volante a fronteira de Eslovenia

e sobrevoei en avioneta a ría de Betanzos.

Eu que collín un ferry que arribase ás costas de Irlanda,

e á illa de Ometepe no Lago Cocibolca;

eu que non esquecerei aquela tenda en Budapest,

nin os campos de algodón na provincia de Tesalia,

nin unha noite nun hotel aos 17 anos en Niza.

A miña memoria vai mollar os pés á praia de Jurmala en Letonia

e na sexta avenida séntese coma na casa.

Eu,

que houben morrer unha vez viaxando nun taxi en Lima,

que atravesei o amarelo dos campos brillantes de Pakruojis

e crucei aquela mesma rúa que Margarett Mitchell en Atlanta.

Os meus pasos pisaron as areas rosadas de Elafonisi,

cruzaron unha esquina en Brooklyn, a ponte Carlos, Lavalle.

Eu que atravesei deserto para ir ata Essaouira,

que me deslicei en tirolina dende os cumios do Mombacho,

que non esquecerei a noite que durmín na rúa en Amsterdam,

nin o Mosteiro de Ostrog, nin as pedras de Meteora.

Eu que pronunciei un nome no medio dunha praza en Gante

que unha vez suquei o Bósforo vestida de promesas,

que nunca volvín ser a mesma despois daquela tarde en Auschwitz.

Eu,

que conducín cara o leste até preto de Podgorica,

que percorrín en motoneve o glaciar de Vatnajökull,

eu que nunca me sentín tan soa coma na rue de Sant Denis,

que xamais probarei uvas coma as uvas de Corinto.

Eu, que un día recollín

   mazás do xardín de Tolstoi,

quero voltar a casa:

o recanto

que prefiro

da Coruña

 

xusto en ti.

 

 


 

“Mazás do xardín de Tolstoi” fue publicado en A Coruña á luz das Letras (Morzan, Editorial Trifolium, 2008).

 

Se puede leer y escuchar el poema en la versión española aquí, y traducido al inglés aquí.